Saturday 11 de May de 2024

Feijóo adianta que o consello da Xunta de mañá aprobará o Catálogo das Paisaxes de Galicia e o último trámite do regulamento que desenvolve a lei do solo


“Buscar un equilibrio entre o desenvolvemento, a conservación e a integración da nosa paisaxe é o reto que queremos conseguir”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta de mañá aprobará o catálogo das paisaxes de Galicia e o o último trámite do regulamento que desenvolve a Lei do solo. “Buscar un equilibrio entre o desenvolvemento, a conservación e a integración da nosa paisaxe é o reto que queremos conseguir”, dixo, incidindo en que todas as iniciativas que se están a levar a cabo teñen como fin o recoñecemento do carácter identitario do noso contorno natural.

Durante a inauguración da xornada Diálogos coa paisaxe construída, Feijóo salientou nun primeiro termo as significativas achegas que vai traer consigo o primeiro Catálogo das Paisaxes de Galicia; un catálogo cuxo decreto será aprobado mañá para poñer en valor, non só a defensa das paisaxes galegas, senón tamén a súa diversidade e riqueza. Non en van este texto identifica 258 tipos de paisaxes diferentes na xeografía galega e delimita 211 áreas de especial interese paisaxístico que abranguen máis de 252.595 hectáreas.

O titular do Executivo autonómico referiuse ao documento como un exemplo de participación e colaboración e lembrou que durante o período de exposición pública recibiu 80 alegacións de concellos, comunidades de montes, asociacións ecoloxistas e veciñais, etc., o que permitiu incorporar ao catálogo 192 novos lugares de especial interese paisaxístico que xeraron catro novas áreas de especial interese paisaxístico: Pego Negro e San Xusto de Lérez, na grande área Rías Baixas; Foxo Vello-O Canelar, na grande área das Chairas, Fosas e Serras ourensás; e Coto de Codeseda, na grande área da Galicia central.

Ademais, tamén se engadiron ao documento 28 novos miradoiros, pasando así dos 444 iniciais a un total de 472.

Feijóo subliñou así que as vantaxes que ofrece este catálogo radican na transparencia coa que foi elaborado, posto que se fixo partícipes a todos os cidadáns; en que achega maior seguridade xurídica; fomenta a concienciación no coidado da paisaxe de Galicia; e promove a relevancia da paisaxe como recurso de desenvolvemento económico.

Así mesmo, a colaboración deu pé tamén a un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia que se asinou para desenvolver unha Guía de Materiais e Cores, que pretende servir de base para orientar sobre os materias e cores utilizados nas 12 áreas paisaxísticas de Galicia e, posteriormente, establecer unhas recomendacións de uso. Unha iniciativa á que, por outra banda, hai que sumar a elaboración das Directrices da paisaxe que aínda están en curso.

“Cando finalicemos as directrices da paisaxe teremos á nosa disposición un amplo elenco normativo para valorizar e protexer a nosa paisaxe e, completado coa Lei do solo e o seu regulamento, teremos construído todos os alicerces normativos para poder ter unha guía para actuar” aseverou.

Primeira Lei do solo da historia de Galicia
Sobre este punto, o responsable autonómico incidiu en que o seu regulamento está en pleno proceso de tramitación co obxectivo de que estea aprobado a finais de setembro.

“Estamos a falar dunha norma xa en vigor que será a primeira Lei do solo da historia de Galicia que conte co seu propio regulamento; un texto que, ademais, está a ser tramitado en tempo récord”, abundou, lembrando que a súa aprobación inicial en febreiro tivo lugar incluso antes da entrada en vigor da propia lei; “e será precisamente o Consello da Xunta de mañá, o que autorice a aprobación do texto que desenvolve este regulamento para que sexa remitido ao Consello Consultivo”.

O responsable autonómico subliñou que este ordenamento vai facilitar a propia aplicación da lei porque “é a primeira vez que unha Lei do solo en Galicia ten un regulamento propio feito na Comunidade” incidiu, “e que, polo tanto, a desenvolve e a interpreta axeitadamente, sen necesidade de empregar os regulamentos estatais”.

Así mesmo, afirmou que o esforzo e a implicación das administracións fixo posible que se incrementase nun 160% o número de concellos que contan cun planeamento actualizado, pasando de 33 a 89.

Feijóo concluíu afirmando que Galicia aspira a ser un exemplo de urbanismo responsable, unha Comunidade onde o medio ambiente e o crecemento urbanístico convivan e interactúen. “E isto –dixo- require dun diálogo continuo entre os principais actores implicados, moitos deles presentes nesta xornada. E require que ese diálogo e as súas conclusións se plasmen logo a nivel normativo”.